Thursday 09 de May de 2024

A Coruña acollerá o torneo inaugural do novo circuíto Ultimate Padel Tour


O torneo, de carácter nacional, terá lugar do 10 ao 18 de febreiro en Expocoruña e Coruña Sport Centre

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá o torneo de pádel A Coruña Open, que servirá como proba inaugural do novo circuíto profesional Ultimate Padel Tour. O edil estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández.

A Coruña será a sede inaugural deste novo circuíto cun torneo internacional que terá lugar do 10 ao 18 de febreiro en Expocoruña, coa pista central e dúas auxiliares, e no club Coruña Sport Centre. “Desde o Goberno de Inés Rey levamos case cinco anos facendo da cidade unha referencia deportiva a nivel galego e nacional, coa programación de grandes competicións coma esta”, indicou Castro durante a súa intervención.

Ultimate Padel Tour será unha competición profesional de ámbito internacional que busca expandir este deporte e proporcionar un torneo atractivo e competitivo para os e as grandes deportistas da modalidade. “O pádel é, hoxe en día, un dos deportes de moda e na Coruña queremos sumarnos e contar cun evento de gran nivel que nos posicione”, sinalou Gonzalo Castro.

O torneo retransmitirase en directo a través das canles de YouTube e Twitch de Ultimate
Padel Tour, cun total de seis partidos de martes a venres, catro semifinais o sábado e as dúas finais do domingo. O sábado 10 de febreiro disputarase a xornada previa masculina e feminina nas instalacións do Coruña Sport Centre e a partir do domingo 11 o cadro principal disputarase en Expocoruña.

De maneira paralela á celebración do torneo, o Concello e a Federación Galega de Pádel ofrecerán un clínic en Expocoruña, do 14 ao 18 de febreiro, no que os nenos e nenas da cidade, así como deportistas federados, poderán acudir e practicar este deporte xunto a profesionais. Ademais, o Concello repartirá entradas para o torneo nos centros educativos da cidade.

O acceso ás instalacións onde se disputa o torneo será libre ata a xornada do martes inclusive. As entradas para gozar da fase final poderán adquirirse na páxina web www.ultimatepadeltour.com.